De patrulla cos pés empapados
Por Redacción
Os sucesivos temporais que encadeou a provincia nas últimas semanas sacaron á luz unha situación que os sindicatos policiais levaban meses denunciando: o mal estado dos medios cos que os policías pontevedreses contan para o seu traballo diario. Derivou en conxunturas como que os axentes tiveron que patrullar cos pés empapados polo mal estado das botas ou cos coches filtrando auga.
O sindicato Unión Federal de Policía (UFP) de Pontevedra difundiu este martes imaxes dos efectos do temporal nos seus uniformes e vehículos, que evidencian que as furgonetas das unidades de intervención Policial de Vigo filtraban auga polos portelos "coma se das cataratas do Niágara se tratara" e policías de toda a provincia, pero sobre todo os de Vilargacía, mollaban os pés con "unhas botas rotas que levan máis dun ano esperando a que llas cambien".
No caso dos uniformes, o sindicato denuncia que hai policías que levan máis de dous anos pedindo a reposición de pezas. A situación é especialmente grave no caso das botas, pois teñen que levalas no seu día a día e atópanse con que teñen a sola esnaquizada ou están rotas mesmo nas xuntas.
O sindicato engade, ademais, unha queixa sobre a situación dos coches da Unidade Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou Policía Autonómica, pois se trata de vehículos con moitos quilómetros que realizan unha boa parte do servizo por estradas rurais de difícil acceso.
Ante a constatación de que as súas denuncias estaban fundadas, desde a Unión Federal de Policía de Pontevedra piden que "dunha vez por todas" se dote de medios adecuados a todos os policías da provincia de Pontevedra, segundo recolle o sindicato nun comunicado.
Relacionadas:
-
UFP advirte que a Comisaría ten un déficit de persoal do 20% e repercute na seguridade cidadá
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Convocan concentracións ante as Comisarías de Marín e Vilagarcía para esixir máis policías e melloras
Por Redacción |
-
Xa hai para botas
Por Natalia Puga |
-
O SUP irrompe en campaña e reclama armas eficaces para loitar contra o terrorismo actual
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Axentes da Comisaría seguen sen chaleco un ano despois da morte de Vanessa Lage
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Reclaman que as oficinas de emisión do DNI se trasladen xa ao antigo edificio do Banco de España
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |