Unha persoa resulta ferida ao envorcar un coche na autovía do Salnés
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida este xoves nun accidente de circulación rexistrado a última hora da mañá en Sanxenxo. Segundo informou o servizo municipal Emerxencias de Sanxenxo, tivo que ser trasladada a un centro sanitario por efectivos de Urxencias Médicas de Galicia 061.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 recibiu o aviso do accidente sobre as 12.43 horas a través dun particular que lles indicou que un vehículo que circulaba pola autovía AG-41 se saíu da vía por motivos que se descoñecen e quedou envorcado. Unha persoa quedou dentro do coche e outros particulares tiveron que sacala.
O sinistro produciuse na autovía do Salnés, á altura da salida a Sanxenxo, e ao lugar trasladáronse efectivos de Emerxencias de Sanxenxo, a Garda Civil de Tráfico e Urxencias Médicas, segundo informou o 112.