A Universidade de Vigo e a Deputación promoverán bolsas no exterior para 150 alumnos
Por Redacción
Un convenio de colaboración asinado entre a Deputación Provincial de Pontevedra e a Universidade de Vigo promoverá a mobilidade do estudantado universitario e permitirá que 150 alumnos dos campus de Pontevedra e Vigo se despracen ao exterior a través do programa Erasmus +.
A presidenta provincial, Carmela Silva, asinou o convenio co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e manifestou que considera necesario que a Deputación de Pontevedra achegue á Universidade de Vigo 150.000 euros para que se poidan levar a cabo estas 150 mobilidades do alumnado universitario con menos recursos económicos.
En total, serán 150 bolsas de 1.000 euros cada una que serán asignadas segundo a nota media do expediente académico. Irá a aqueles que sexan seleccionados nas convocatorias de Erasmus + estudios, para a realización de estudos en diferentes universidades europeas, e Erasmus + prácticas formativas en empresas e institucións doutros países europeos durante os cursos 15/16 e 16/17.
A presidenta provincial destacou que este é o primeiro dunha serie de convenios que asinarán no marco do protocolo de colaboración entre a Deputación e a Universidade de Vigo e está enmarcado no compromiso do novo goberno provincial de promover e fomentar o emprego, apoiar aos emprendedores, impulsar o desenvolvemento económico da provincia, así como apostar pola formación para impulsar a empregabilidade.
Salustiano Mato indicou que nos últimos anos, o número de estudantes da Universidade de Vigo que gozaron dunha bolsa Erasmus descendeu debido á diminución por parte do Ministerio de Educación do importe da bolsa, financiando só un máximo de 5 meses aínda que se trate de estadías anuais. Asegurou que grazas á firma deste convenio "estamos a conseguir que a educación sexa universal para todos, rompendo coas barreiras económicas e sociais para que o estudantado con menos recursos económicos poida aproveitar as oportunidades que lle ofrece o programa de mobilidade Erasmus + para completar a súa formación de forma integral e completa".