A Italia e Reino Unido de "prácticas" co programa Erasmus+ da Deputación
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa deputada delegada de emprego, Montse Magallanes, inauguraron este martes no Pazo Provincial a xornada de preparación da mobilidade Erasmus + do PracticumDepo 2015, co obxectivo de dar a coñecer ós 26 participantes nesta segunda mobilidade en que consiste o proxecto e como se teñen que preparar.
A xornada consistiu nunha presentación do programa, achega de documentación e formación ó alumnado sobre as características da mobilidade, as condicións de aceptación da bolsa, os compromisos das persoas participantes, trámites, dereitos e deberes, curriculum formato Europass, consellos prácticos sobre a viaxe, coberturas de seguros, tarxeta sanitaria ou teléfonos de interese, entre outras cousas. Amais, un grupo de persoas transmitiron a súa experiencia persoal no programa.
Carmela Silva subliñou a importancia de investir os recursos públicos en programas como este, no que "o alumnado terá a oportunidade de adquirir novas competencias lingüísticas, novos coñecementos e habilidades para adaptarse mellor ó mundo global".
Estes 26 mozos iniciarán as prácticas en empresas o 24 de abril e rematarán o 5 de novembro. Entre outros, hai alumnos de Marín (IES Chan do Monte), de Pontevedra (IES A Xunqueira I e Centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán), e de Sanxenxo (IES Vilalonga).
17 alumnos desprazaranse ata Italia (Arezzo, Catania) e 9 a Reino Unido (Londres e Belfast).
PracticumDepo 2015 enmárcase no programa europeo Erasmus + para o período 2014-2020 e ten por obxectivo que as e os participantes adquiran novos contidos relacionados coa súa profesión, coñezan a cultura do país de destino, melloren o dominio de linguas, detecten oportunidades de emprego e, en definitiva, complementen os seus coñecementos.
Mediante este programa a Deputación de Pontevedra promove a mobilidade de estudantes de ciclos medios de formación profesional, que ten por obxecto realizar prácticas en empresas estranxeiras durante 196 días e facilitarlles o proceso de transición do ámbito da educación e a formación ó mercado laboral. Os beneficiarios deben ter residencia no noso país, ser maiores de 18 anos e iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data de obtención da súa titulación.
En total, participan no programa Erasmus + da Deputación de Pontevedra 123 alumnos de 18 centros educativos da provincia de Pontevedra que realizarán prácticas formativas en Finlandia (21 persoas), Francia (30 persoas), Italia (37) e Reino Unido (35). Destes 123 alumnos, 41 xa están a desfrutar da primeira mobilidade, iniciada en outubro e que rematará en maio, e 26 comezarán o vindeiro 24 de abril. A terceira mobilidade, que comprenderá un grupo de 56 alumnas e alumnos, se iniciará en outubro.
Para poder afrontar a viaxe, a Deputación de Pontevedra a través do programa PracticumDepo2015 outorga axudas económicas que se distribúen en contribucións para a viaxe (sobre 275 euros) e para o aloxamento, manutención e transportes locais (entre 7.934 e 9.602 euros).
Relacionadas:
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: A tradición viquinga une Catoira e Dundalk
Por Marisa Ciordia |
-
Estudantes pontevedreses e franceses colaboran nun proxecto sobre benestar
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Mozos de catro centros de FP de Pontevedra farán prácticas laborais en Europa
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo e a Deputación promoverán bolsas no exterior para 150 alumnos
Por Redacción |
-
A falta de recursos non impedirá aos universitarios pontevedreses gozar dunha bolsa Erasmus
Por Redacción |