O burrito sabanero volve ao Concello e á Deputación polo Nadal
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz
"Con mi burrito sabanero voy camino de Belen (...) si me ven, si me ven, voy camino de Belen". É unha panxoliña xa coñecida no Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra; e o Teatro Principal, espazo elixido para o actos multitudinarios do Concello da capital. Este luns volveu a soar cos mesmos intérpretes que os anos anteriores. Os alumnos do colexio Doroteas volveron ás institucións, repetindo melodía, para celebrar o Nadal co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta provincial, Carmela Silva.
Lores é xa todo un especialista na recepción dos pastorciños das Doroteas e, a modo de Papá Noel -xersei vermello incluído- foi escoitando un por un a todos os nenos e o que este ano queren que lles regalen os Reis Magos e Santa Claus. As bonecas de Frozen ou Rapunzel foron os agasallos estrela de entre as peticións dos escolares, pero non faltaron as sempre presentes bicicletas ou os patinetes, iso si, rotulados co nome de Elsa ou Los Vengadores.
"Tedes que ser moi boiños ata que veñan Papá Noel e os Reis", pediulles Lores tras escoitar varias panxoliñas distintas cantadas polos pastorciños, os seus profesores e algúns pais que encheron todas as butacas do Teatro Principal. O consello é o mesmo que lles daba minutos antes Carmela Silva, cando visitaron o Pazo Provincial para cantar os mesmos panxoliñas.
A presidenta provincial, que se estreou este 2015 no papel, ao ser o seu primeiro Nadal no cargo, desexou felices festas aos pequenos e pediulles que "se porten moi ben para que Papá Noel e os Reis Magos veñan cargados de agasallos".
Relacionadas:
-
Portas abertas no colexio Doroteas pola súa Semana Cultural
Por Oskar Viéitez |
-
Panxoliñas para dar a benvida ao Nadal
Por Redacción |
-
Os 'pastorciños' das Doroteas volven polo Nadal para cantar panxoliñas aos políticos
Por Mónica Patxot |
-
Panxoliñas para os políticos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |