Panxoliñas para os políticos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra e o Teatro Principal acolleron este luns os alumnos máis pequenos do Colexio das Doroteas. Este peculiar recital é unha singular tradición deste Centro.
"Venimos a cantar villancicos al alcalde de Pontevedra, Mariano Rajoy", así resumiu un dos nenos o motivo da visita.
Ataviados de pastorciños e en compañía de numerosos pais, os nenos do segundo ciclo de infantil (de 3 a 6 anos), cantaron "panxoliñas" ao persoal da Administración Provincial. Esperaban ao presidente Rafael Louzán, pero non puido asistir, polo que actuou como anfitriona a deputada, Begoña Estévez.
Foi unha visita breve, apenas un par de panxoliñas. A continuación os máis de douscentos pastorciños acudiron ao Teatro Principal para regalar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, algunhas das súas interpretacións.
O alcalde fíxose esperar. Ao chegar pediu desculpas e sentouse nas escaleiras do escenario para escoitar o recital. Tal se fose un paxe, Lores recolleu as peticións aos Reis Magos e a Santa Claus. Patinetes e bonecas, perfílanse como os xoguetes estrela para este Nadal.
Pola súa banda o rexedor segue pedindo aos Magos de Oriente o mesmo que en anos anteriores: "Un netiño ou unha netiña".
Tras o concertazo os nenos leváronse ás súas casas de obsequio, pinturas e puzles, cortesía da Deputación e bolsas de chuches, regalo do Concello.