Non é serio este cemiterio
Por Oskar Viéitez
A polémica veciñal xerada pola nova normativa que o goberno local de Poio quere aprobar para o cemiterio municipal de San Xoán, provocou que a ordenanza se aprace para "buscar consenso". O alcalde Luciano Sobral cede así ante a presión dos afectados e promete que todos os pasos que se dean serán "consensuados" e "sen présas".
O rexedor asegura que a proposta afectará "unicamente á parte nova" coa futura ampliación. Insiste en que se establecerá unha cláusula para os nichos e panteóns do camposanto actual na que se contemple o "carácter voluntario na súa adhesión" á normativa reguladora.
O goberno local indica que desde o primeiro momento tentouse solucionar o "vacío legal" existente no cemiterio municipal de San Xoan.
Con todo a proposta enfadou aos veciños que rexeitan algúns aspectos expostos como que sexa unha obrigación estar empadroado en Poio pare ter un nicho, ou o período de 10 anos que o Concello establece para recuperar as parcelas que non se construíron.
Pero especialmente controvertida resultou a regulación da transmisións dos nichos, panteóns e parcelas. O que para o goberno local era dar "cobertura legal" a estes intercambios, para os veciños converteuse nun ataque ao que consideran as súas propiedades a "perpetuidade".