Cruz Vermella conciencia no campus dos perigos de esquecer a sida
Por Redacción
Con case dez novos casos de pacientes con VIH detectados cada día ao longo do pasado ano en España, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, a sida continúa a ser unha enfermidade que é preciso combater con información e sensibilización.
Esas foron precisamente as ideas que este martes trouxeron ao campus, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Loita Contra a Sida, a un grupo de voluntarias da Cruz Vermella, que este martes se encargaron de informar e concienciar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do que implica unha enfermidade “que seguimos pensando que non nos vai a pasar a nós, que só afecta á chamada poboación de risco”, como apuntou Diana Freire, responsable de Xuventude de Cruz Vermella-Pontevedra.
Por iso, o reparto de material informativo sobre enfermidades de transmisión sexual e de preservativos, tanto masculinos como femininos, centrou a actividade na mesa que a Cruz Vermella instalou nesta facultade do campus pontevedrés, á que sumaron ademais o photocall, De ti depende, co que, como explica Freire, pretendían denunciar “o rexeitamento social que continúa a xerar esta enfermidade”.
Por ese motivo, esta actividade, que recibiu "unha moi boa resposta por parte do alumnado", viuse completada pola proxección dunha serie de testemuños de persoas afectadas polo VIH e ás que non se lle podía ver o rostro nas pantallas do centro.
Así mesmo, esta organización completou as actividades con motivo deste día internacional coa charla informativa sobre o VIH e a sida.