As farmacias pontevedresas dispensarán o test do VIH "en cuestión de días"
Por Alejandro Espiño
Unha de cada cinco persoas que en España están infectadas co VIH non están diagnosticadas e case un 50% fórono demasiado tarde. Sanidade quere diminuír estas porcentaxes e, por iso, autorizou a venda en farmacias dunha proba coa que calquera persoa pode saber se é portadora do virus da SIDA.
Varias farmacias da cidade, consultadas por PontevedraViva, explicaron que xa solicitaron o envío destas probas, polo que estarán dispoñibles para a súa venda "en cuestión de días". Poderanse adquirir sen necesidade de obter unha receita médica.
Trátase dunha proba de detección da infección polo VIH na que a mesma persoa que se realiza a proba recolle a mostra de sangue ou saliva e interpreta o resultado do test. A obtención do resultado do test é inmediata (xeralmente en menos de 20 minutos), non sendo necesario enviar a proba a ningún laboratorio para obter o resultado.
A fiabilidade da proba, segundo Sanidade, é dun 99,5%.
O test non serve, aclaran desde o ministerio, para detectar unha posible infección polo VIH inmediatamente despois de manter unha relación sexual de risco, para decidir se usar preservativo nunha relación sexual, para detectar calquera outra enfermidade de transmisión sexual ou para realizar cambios no tratamento dunha persoa xa diagnosticada.
Para que os profesionais farmacéuticos dispoñan de toda a información necesaria para unha mellor actuación na dispensación destes produtos, Sanidade elaborou conxuntamente co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos unha guía de actuación para dispensar este produto sanitario.
Así, os titulares das farmacias de Pontevedra, do mesmo xeito que os de toda España, poderán explicar aos interesados que é a proba e que permite detectar, cales son os posibles resultados e cal é o seu significado, como consultar o resultado nun laboratorio clínico, onde dirixirse para máis información ou como realizar outras probas.
Ademais, tamén se puxo a disposición do público un servizo multicanle de información e prevención sobre o VIH e a SIDA, de carácter gratuíto e confidencial, xestionado por Cruz Vermella Española, mediante o teléfono 900 111 000 e a web de Cruz Vermella.