Unha empresa da Illa de Arousa, principal exportadora de ostra galega a Hong Kong
Por Alejandro Espiño
A ostra é, desde hai anos, un dos produtos galegos máis valorados na China. E gran parte dese interese é froito do traballo dunha pequena empresa da Illa de Arousa, Mar Ceibe. Nun mercado coñecido pola esixencia dos clientes, que teñen un alto estándar de calidade, estanse a situar como un dos principais exportadores de marisco das nosas rías. E precisamente estes días están en Hong Kong para seguir promocionando os seus produtos.
"Vamos a facer unha degustación no restaurante español Que Mo, na zona de Wan Chai", explica Guillermo Montero, un dos socios da empresa, que coincidindo coa presenza da delegación pontevedresa na cidade chinesa quixo saudar ao alcalde de Pontevedra. Con este evento, como a ostra "está encamiñada" neste mercado, queren comezar a introducir outros produtos como a vieira, a zamburiña ou o mexillón.
Tanto Guillermo como o seu socio, Óscar Pouso, son técnicos en acuicultura e "vimos que había mercado para poder exportar a ostra galega porque é un produto duro que pode aguantar un viaxe longo ata chegar aquí". Grazas a un contacto que tiñan no sur de África lograron introducirse na China. Mandaron unha pequena mostra e tivo tanta aceptación que "o primeiro pedido foi xa brutal" porque os chineses, di, "van ao grande".
O máis complicado de todo o seu traballo é a loxística que precisa unha exportación ata Asia.
A ostra, que depuran no Grove, envíana por terra a Madrid e desde o aeroporto enlaza normalmente con Alemaña, aínda que pode haber cambios "dependendo dos enlaces que mellor che veña tanto a ti como aos clientes". O produto viaxa nunha caixa de porexpán e recuberto cunha especie de xel de frío "que fai que se conserve moito a temperatura", algo ao que tamén axuda os apenas tres graos que soe haber na adega dos avións.
As empresas pontevedresas "temos que apostar pola internacionalización e intentar chegar a mercados tan bos como estes para poder seguir crecendo"
Ademais, Guillermo Montero sinala que "hai que ir reservando con tempo o espazo coa aeroliña e traballar con xente que estea habituada a este movemento de mercadorías porque hai que estar pendentes continuamente dos horarios". Así, en só 48 horas, as ostras galegas chegan a Hong Kong a razón de unha tonelada por envío. Aproximadamente, ao ano nesta empresa da Illa de Arousa "pasamos das cen toneladas de ostra exportada"
Os seus principais clientes son os hoteis chineses e os restaurantes de alta cociña, que pagan entre catro e cinco veces máis que o prezo que a ostra ten en Galicia. "O produto encántalle aos chineses, sobre todo porque aprecian que chegue vivo e fresco", asegura este pontevedrés que recoñece que as augas frías das nosas rías "dotan ao noso marisco dunhas calidades únicas", polo que reitera que o de Asia "é un mercado incrible para dar este salto".
Xunto cos novos produtos que queren introducir na China, Mar Ceibe tamén busca abrir novos mercados e xa están pensando en probar noutros mercados exóticos como os Emiratos Árabes e Singapur. Porque se hai unha cousa que teñen claro estes arousáns é que as empresas pontevedresas "temos que apostar pola internacionalización e intentar chegar a mercados tan bos como estes para poder seguir crecendo".
Relacionadas:
-
Empresarios da China e Hong Kong visitarán Pontevedra en novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Empresarios chineses visitarán Pontevedra na primavera para analizar oportunidades de negocio
Por Alejandro Espiño |
-
Unha apaixoada de Pontevedra, interesada en mellorar as relacións comerciais entre Asia e España
Por Alejandro Espiño |
-
Álex Rodríguez, un pontevedrés que logrou abrirse camiño no sector audiovisual de Hong Kong
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, en Hong Kong: "Estou sorprendido polo gran interese que está a xenerar Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |