Unha apaixoada de Pontevedra, interesada en mellorar as relacións comerciais entre Asia e España
Por Alejandro Espiño
Sally Lui é unha moza de Hong Kong que, aos seus 37 anos, sabe moi ben o que España pode achegar ao seu país e, máis concretamente os sectores que interesan en Asia, a provincia de Pontevedra. Coñece a súa capital, da que recoñece estar "apaixonada", tras vivir preto de dous meses nela e agora, quere converter ese efémero contacto nunha relación máis estreita. Quere establecer vínculos comerciais con empresas locais.
Se fora simplemente unha persoa á que lle gusta o noso país, este interese non iría máis aló. Pero o certo é que Sally Lui non é alguén calquera. É a directora de márketing e a fundadora da Asian-Spain Association, unha entidade que reúne a empresarios non só de China e Hong Kong, senón tamén de India, Corea do Sur ou Indonesia, que están interesados en facer negocios -ou fortalecelos noutros casos- con compañías españolas.
Desde que soubo que Pontevedra ía acudir a Hong Kong para recibir un novo premio ao seu modelo urbano, quixo establecer contacto co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para conversar con el sobre posibles colaboracións futuras que animen a empresas de ambas as rexións para traballar xuntas. Pero ao final, converteuse na perfecta anfitrioa da delegación pontevedresa desprazada á cidade chinesa.
E é que, segundo explica ela mesma, "temos moita curiosidade por saber por que Pontevedra está aquí, que cousas podémosvos achegar e saber que podemos facer xuntos no futuro". Asegura que os franceses e os italianos levan facendo negocios en Hong Kong desde hai moitos anos "e as cousas vanlles moi ben", pero a pesar dos recursos que coñecen de España "no noso mercado non adoitas ver moitos destes produtos".
Importar á China produción pontevedresa "é algo que nos interesa moito", porque sinala que entre os membros desta asociación hai, entre outras, empresas de construción, restaurantes, compañías de moda, xestores inmobiliarios ou mesmo persoas con contactos con familias que dirixen casinos na rexión de Macao. "Practicamente cubrímolo todo e sabemos que hai moitas cousas que nos podedes achegar", afirma.
Actualmente traballan coa liga de Fútbol Profesional (LFP) abrindo restaurantes temáticos e xestionando as licenzas de merchandising para vender os seus produtos en China e gran parte de Asia, pero móstranse especialmente interesados en cervexa artesá, viño, conservas ou marisco, catro ámbitos gastronómicos de gran peso na provincia pontevedresa; pero tamén están dispostos a adquirir directamente adegas ou outras propiedades.
"É unha gran oportunidade para Galicia porque, por exemplo, non hai moito do seu viño branco pero aquí é moi famoso", asegura esta empresaria
"É unha gran oportunidade para Galicia porque, por exemplo, non hai moito do seu viño branco pero aquí é moi famoso", asegura esta empresaria que traballou durante uns anos en Barcelona e que está convencida de que "hai moitas cousas nas que podemos facer de intermediarios entre ambos os mercados". E para eles, di, as taxas de exportación non son un problema. "Depende do produto son caras, pero a xente aquí pode pagalo".
Así, nos seus primeiros contactos con Fernández Lores, Sally Lui expuxo xa a posibilidade tanto de que empresarios pontevedreses veñan a Hong Kong en misión comercial para presentar directamente os seus produtos nalgún dos eventos que organizan mensualmente ou de organizar unha viaxe a Pontevedra para que sexan os chineses os que coñezan de primeira man o proceso de produción e pechar entón os primeiros acordos.
Ademais, Sally Lui sinala que algúns dos membros da súa asociación teñen xa unha colaboración estreita con operadores de turismo españois e que Pontevedra "é un bo sitio para o turismo". De feito, da súa estancia na cidade do Lérez lembra que "me gustaba moito", en comparación coa tensión que se vive nunha urbe como Hong Kong e o maior coidado ambiental que hai en España, tanto que "me gustaría vivir alí cando me retire".
Estes contactos iniciais con Pontevedra terán continuidade este mércores 25 de novembro no transcurso dunha cea organizada pola Asia-Spain Association en Hong Kong, á que teñen previsto asistir unhas 200 persoas, entre elas -ademais de empresarios interesados en facer negocios con Pontevedra- estarán o cónsul das illas Fiji, políticos de varias cidades chinesas ou un representante da Cámara de Comercio de Cambodia.
Relacionadas:
-
Empresarios da China e Hong Kong visitarán Pontevedra en novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Empresarios chineses visitarán Pontevedra na primavera para analizar oportunidades de negocio
Por Alejandro Espiño |
-
Unha empresa da Illa de Arousa, principal exportadora de ostra galega a Hong Kong
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, premiada en Hong Kong: Lores recolle un novo galardón ao modelo urbano
Por Alejandro Espiño |
-
Jean-Pierre Raffarin, ex primeiro ministro francés: "Tedes unha visión moi humana da mobilidade"
Por Alejandro Espiño |
-
Álex Rodríguez, un pontevedrés que logrou abrirse camiño no sector audiovisual de Hong Kong
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, en Hong Kong: "Estou sorprendido polo gran interese que está a xenerar Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |
-
A 'outra mobilidade' de Pontevedra, exemplo "revelador" para a Fundación Pons
Por Alejandro Espiño |