Os afectados polas preferentes critican a "chulería e prepotencia" do presidente do Pontevedra CF
Por Oskar Viéitez
Con motivo do encontro deportivo contra o Pontevedra CF que se celebrará o domingo, o Alondras Club de Futbol nun "acto de solidariedade e xenerosidade cos seus veciños ", decidiu que os xogadores sairían ao campo coa camiseta da Plataforma de Afectados polas Preferentes do Morrazo. Mesmo está previsto que porten unha pancarta.
Ante esta actuación dende a plataforma de Marín-Pontevedra puxéronse en contacto co Pontevedra "para ver se podían facer o mesmo".
Segundo explican os voceiros destes afectados en Marín - Pontevedra buscando un xesto similar no club da capital nun primeiro lugar dirixíronse á secretaría do equipo granate "Natalia, díxonos que sería algo complicado posto que o principal patrocinador é Nova Galicia Banco", pero comprometeuse a trasladala petición aos membros da directiva "para ver que opinaban eles".
Así unha representación da Plataforma de Marín - Pontevedra conseguiu falar co presidente do Pontevedra C.F., Mauricio Rodríguez que tras demorar uns días a resposta da Directiva finalmente "nos transmitiron que para nada era por temas económicos, senón que foi que o club non se pon calquera camiseta, que non somos especiais nin diferentes a calquera outro colectivo, que si se puxesen nosa camiseta o terían que facer con outros e o club non se dedica a iso, que o Alondras ten a súa directiva e fará o que queira pero o Pontevedra ten outro nivel aínda que xogue na mesma categoría".
A resposta non rematou aí, segundo esta Plataforma de afectados polas preferentes, o presidente do club granate díxolles "que nos estudemos o regulamento da FIFA antes de pedir estas cousas", todo iso "dito con chulería e prepotencia".
Dende a Plataforma de Marín - Pontevedra anuncian que non acudirán ao encontro pero agradecen nun comunicado ao Alondras C.F. o seu convite "e por suposto o apoio ao pobo e a todos os afectados e vítimas dunha grande estafa".