A cor azul volve tomar Pontevedra polo Día Mundial da Diabete
Por Redacción
Cada ano dende 1991 o 14 de novembro conmemórase a nivel internacional o Día Mundial da Diabete co obxectivo de aumentar a concienciación global sobre esta enfermidade. En Pontevedra leva conmemorándose tres anos da man da asociación de nenas e nenos con diabete de Galicia (ANEDIA), que este 2015 se marca a finalidade de reivindicar da Consellería de Educación a creación dun protocolo de actuación para regular a atención aos nenos con diabete nos centros educativos de Galicia e organizou unha semana enteira de actos. Este venres 13 increméntase a actividade con iniciativas centradas en tres focos: educación, deporte e concienciación social.
Os actos comezarán xa pola mañá ás 14.00 horas no colexio de Campolongo en Pontevedra e simultáneamente en centros educativos de Vigo e A Coruña. Representantes de Anedia, do Concello de Pontevedra, das asociacións de nais e pais, dos centros educativos, da Consellería de Educación e da empresa Serunion acudirán á clase práctica sobre alimentación saudable que se desenvolverá nos distintos comedores, nos que os monitores amosarán a todo o alumnado que come un neno ou nena con diabete para cumprir coa inxesta diaria de hidratos de carbono recomendada en función da súa idade e que esa debería ser a alimentación a tomar por todo o alumnado.
Pola tarde, ás 17.00 horas teñen unha reunión co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e está previsto que ás 19.00 horas se celebre un concerto da Banda de Música Infantil de Campo Lameiro na praza de España e ás 20.00 horas se ilumine de cor azul o antigo edificio do Concello de Pontevedra na citada praza de España, un acto no que o toque musical será da man do grupo tradicional Madia Leva. O azul é a cor da diabete e a partir das 20.00 horas tamén se iluminarán desa cor o Pazo Provincial da Deputación Provincial.
Este sábado 14, propio Día Mundial, celebrarase en Pontevedra a I Milla pola Diabete. Trátase dunha carreira lúdica e festiva para todas as idades e aberta a tódolos cidadáns que queiran participar (a partir dos 3 anos e dividida por categorías). A saída será a partir das 17.00 horas na praza de España.
Anedia regalará a cada participante unha bolsa de avituallamento cunha botella de auga e unha froita e haberá sorteo de agasallos entre todos os participantes.Ademais da carreira, Anedia instalará na praza de España unha mesa con persoal sanitario para que todas as persoas que o desexen poidan facer un control glicémico e saber cales son os seus niveis de azucre en sangue.
Toda esta programación, deseñada por Anedia, conta coa colaboración e o patrocinio do Concello de Pontevedra (concellarías de Deporte, Educación e Benestar Social), Casa Azul, Complexo Hospitalario de Pontevedra, Viaqua, Pic Solution, Dibay e Prosaga. E coa colaboración de Froiz, Termal Spa Moaña, Sanofi, Aboot, Diabalance… que colaboran cos agasallos que se repartirán na carreira.
Relacionadas:
-
Centos de pontevedreses anímanse a correr pola diabete
Por Diego Torrado |
-
Os profesores de colexios con nenos con diabete pasarán a recibir formación específica sobre a enfermidade
Por Redacción |
-
Milla urbana para sensibilizar á poboación sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Os comedores escolares ensinarán esta semana o que come un neno con diabete
Por Redacción |
-
Lores falará cos panadeiros, cos donos do cine e co IMD das demandas dos nenos con diabete
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Anedia continúa a campaña formativa a persoas con diabete e coidadores
Por Redacción |
-
Os escolares de Pontevedra aprenden sobre a diabete
Por Oskar Viéitez |