Tres edís abandonan xunto a Perfecto Rodríguez o grupo municipal do PP en Ponte Caldelas
Por Redacción
Despois da saída de Perfecto Rodríguez, para ocupar a xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tras case vinte anos de dedicación ao municipio, sete como concelleiro e máis de trece como alcalde, o Partido Popular de Ponte Caldelas celebrou na tarde do sábado unha reunión do grupo municipal e do resto da candidatura.
Durante este encontro todos os seus membros expresaron o seu convencemento de que é o momento de "dar paso a un novo equipo de mulleres e homes" para que asuman a tarefa de representar ao Partido Popular no labor de oposición que agora lle toca, "abrindo así unha nova etapa cun equipo que combinará renovación e experiencia".
Ademais de Perfecto Rodríguez deixarán tamén a corporación municipal tres históricos concelleiros populares: Francisco Regueira Regueira, María Teresa Martínez Tomé e Gonzalo Martínez Gesteira. Continúan como concelleiras Inés Sánchez Pérez e Martina Freire Romeu.
Incorporaranse ao novo grupo municipal os seguintes na candidatura: Jesús Rosón Riesco, presidente da comunidade de montes de Tourón; Javier Sánchez Otero, presidente da mancomunidade de veciños de Caritel; Ricardo Manuel Castro Martínez, concelleiro de mocidade no anterior goberno local; e Elsa Ares Juncal de Xustáns.
O labor de portavoz exercerana conxuntamente Inés Sánchez e Ricardo Castro contando coa colaboración do novo equipo de concelleiros que asumirán as seguintes áreas para o control do tripartito: Martina Freire, educación (en especial o relacionado co CEIP Manuel Cordo Boullosa e a escola infantil), igualdade e servizos sociais; Jesús Rosón, obras debido á súa experiencia no sector e a representación da parroquia de Tourón; Javier Sánchez representante para as parroquias de Caritel, Anceu e Forzáns; e Elsa Ares, representante para a parroquia de Xustáns e o CEIP da Reigosa.