Agardan que o alcantarillado de Buchabade entre en servizo antes de comezar o vindeiro ano
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas e os seus membros do equipo de goberno trasladáronse á Casa do Pobo de Buchabade onde mantiveron este xoves unha xuntanza cos veciños do lugar que, entre outras reivindicacións, amosáronlle a súa preocupación polo retraso no enganche ao alcantarillado tras a construción da EDAR.
O alcalde sinalou que os problemas detectados na rede de sumidoiros era máis graves do inicialmente previsto, o que obrigou a contratar a unha empresa para que puxera en marcha medidas paliativas, que se están realizando co fin de correxir os entullos detectados sin ter que levantar o alcantarillado xa instalado.
As previsións da empresa, que fixo públicas o alcalde, é ter resolto o problema antes de rematar o ano polo que en breve entraría en servizo o alcantarillado ao que deberán engancharse todos aqueles veciños obrigados e en disposición técnica de poder facelo. En canto ás vivendas que non teñen a cota axeitada e polo tanto non poden engancharse á rede de sumidoiros, o alcalde manifestoulles o seu pesar e sinalou que co proxecto xa executado ía ser moi difícil poder darlles o servizo.
Outro tema plantexado na asemblea foi a solicitude de colaboración do Concello nas obras de renovación que están levando a cabo os veciños de Buchabade para substituír as vellas canalizacións da auga da traída por outras novas e máis modernas e funcionais. Ante esta solicitude o alcalde comprometeuse a enviarlles medios humanos e materiais municipais para colaborar no que sexa preciso para que este proceso se poida executar do xeito máis rápido e económico para os veciños, contando para elo coa colaboración do Concello a través de maquinaria e operarios municipais.