Os veciños de Taboadelo queren que a Deputación lles pague un ascensor
Por Redacción
Os veciños de Taboadelo solicitaron, durante unha asemblea convocada polo alcalde e o equipo de goberno, a mediación do Concello de Ponte Caldelas ante a Deputación de Pontevedra para conseguir que o ente provincial financie un elevador para a Casa do Pobo que poría o remate final ás obras de rehabilitación que se están acometendo neste local social.
Asemade tamén pedíronlle ao alcalde axuda para canalizar o regueiro de aguas pluviais que pasa pola veiga da Casa do Pobo xa que boa parte do percorrido anterior xa fora realizado no pasado.
Ademais solicitaron a colaboración do Concello para reclamar ante o Rexistro da Propiedade "a titularidade do torreiro da festa debido á intromisión do Arcebispado no recinto", así como revisar a baixa de pluviais nesta zona por posible atullamento.
Por outra banda, reclamáronlle ao Concello a poda do carballo e airear o perímetro máis preto do pé desta árbore para evitar fungos e a conexión das luminarias do cemiterio parroquial ao alumeado público xa que ata o de agora corren con ese gasto os veciños. Tamén lle pediron catro bancos de pedra e acondicionar a baixada peonil para aumentar a seguridade do camposanto dotándoas de escaleiras axeitadas e colocación de pasamáns nun lateral.
Outra demanda exposta na asemblea veciñal foi a reparación e cintado de lavadoiros públicos e dotar de entrada enlousada de pedra á Fonte Nova, acondicionar o chan da Fonte da Carballeira onde se atopa o parque infantil.
Finalmente, un grupo de nenos da parroquia pedíronlle ao alcalde e ao grupo de goberno a construción dun campo de fútbol e que se impartiran clases de zumba na parroquia.
Relacionadas:
-
Agardan que o alcantarillado de Buchabade entre en servizo antes de comezar o vindeiro ano
Por Redacción |
-
Os veciños de Vilarchán piden máis lombos para garantir a seguridade vial na zona
Por Redacción |
-
A Insua solicita a exención do pagamento do IBI pola súa Casa do Pobo
Por Redacción |
-
Onde ubicamos a Casa do Pobo de Silvoso? Arriba ou Abaixo
Por Redacción |
-
Veciños de Tourón reclaman ampliar a Casa do Pobo e máis atención para a área arqueolóxica
Por Redacción |