O dono e o camareiro dun bar de Sanxenxo aceptan dous e tres anos de prisión por vender droga
Por Natalia Puga
O dono e o camareiro dun bar de Sanxenxo aceptaron este xoves cumprir dous e tres anos de prisión como autores dun delito de tráfico de drogas por presuntamente vender droga un dentro do establecemento e permitilo o outro. Ambos sentaron no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e recoñeceron os feitos dos que lle acusaba a Fiscalía, de modo que se beneficiaron dunha redución da condena á que se enfrontaban inicialmente.
O fiscal tivo en conta que ambos tiñan unha adicción ás drogas no momento dos feitos, de modo que lles aplicou unha circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de drogadicción. No caso de David F.T., o dono do bar, tamén lle aplicou unha atenuante de confesión, de modo que el só cumprirá dous anos e pagará unha multa de 300 euros. O outro procesado, Andrés Iván P.F., cumprirá tres anos e o pago dunha multa de 440 euros.
Ambos foron detidos e acusados por mor de que o 10 de agosto de 2014, ás 2.45 horas, as Forzas de Seguridade achasen en poder de Andrés 13 papelinas de cocaína no bar no que estaba a traballar esa noite "coa intención de distribuíla entre os seus clientes". A droga, que pretendía vender a cambio de diñeiro, estaba valorada en 439,185 euros.
A cocaína apareceu encima da barra, nun mesado debaixo da barra, en dúas caixas á vista e dentro da caixa rexistradora. Ademais, nun compartimento desta caixa tamén apareceron 815 euros presuntamente obtidos da venda da cocaína.
A Fiscalía considera que desenvolvía dita actividade co consentimento e anuencia do dono do bar, que rexentaba persoalmente o seu negocio e contaba coa colaboración ocasional de Andrés, aínda que ese día circunstancialmente non se achara presente no momento do rexistro.