Calmarán o tráfico na Praza dos Praceres e o ámbito dos colexios de Lourizán
Por Redacción
O Concello aposta por calmar o tráfico na praza dos Praceres e por mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nas inmediacións dos colexios de Praceres e A Carballeira. Son dúas actuacións que foran ditaminadas como prioritarias polo Consello Parroquial.
Así llo presentou esta tarde o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, aos veciños da zona nunha asemblea aberta.
As actuacións previstas na contorna do CEIP A Carballeira foron consensuadas coa dirección do colexio e a ANPA, e teñen como obxectivo garantir a seguridade dos nenos e nenas do centro. Habilitarase un novo acceso peonil aproveitando un camiño tradicional que descorre ao lado.
Unha redefinición da mobilidade na praza de Praceres e a súa contorna permitirá, ademais, mellorar a seguridade viaria e accesibilidade á praza, ao colexio e ao lugar do Cabo.
Segundo Demetrio Gómez, existe un problema importante de seguridade nas inmediacións do colexio para toda a comunidade educativa "polos tráficos desordenados, a acumulación de vehículos e peóns no mesmo espazo e a falla de aparcamentos o que ademais provoca atoamentos no acceso ao Cabo".
Así, traballarase para separar os tráficos de peóns e de vehículos, habilitando un acceso exclusivo para peóns dende o campo de fútbol ao colexio; deixarase o acceso ao colexio e ao lugar do Cabo só para vehículos autorizados (residentes e vencellados ao centro educativo); ou gañaranse zonas de aparcamento, arredor da confraría e o parque infantil.
Ademais, implantarase o sentido único na rúa que vai por dentro da praza; arranxarase a beirarrúa para facela máis ancha e reordenar os espazos de aparcamento; mudarase o alumeado e realizaranse traballos de mantemento do espazo público.
Esta intervención suporá un investimento de 46.000 euros e as obras están pendentes dun proceso administrativo sobre a titularidade dunha pequena parcela que implica á xunta de montes e ao Concello. "Existe vontade polas dúas partes para arranxar o tema", indicou o edil do BNG.
Relacionadas:
-
Un "centro lúdico" ao aire libre, último paso para reordenar a praza dos Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
Covsa adxudícase as obras de mobilidade en Campañó e E.C. Casas en Lourizán
Por Redacción |
-
Fomento espera ter unha solución para o paso do tren por Os Praceres no primeiro semestre de 2016
Por Oskar Viéitez |
-
O Supremo confirma enterrar os pasos a nivel dos Praceres, "crónica dunha decisión anunciada" para Mosquera
Por Natalia Puga |