O PP de Sanxenxo esixe que se cumpra a sentenza de demolición que afecta o concelleiro de Urbanismo
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Sanxenxo esixiu ao goberno local o "cumprimento rigoroso da legalidade" respecto ao concelleiro de Urbanismo, Daniel Fernández, que "arrastra unha resolución de orde de demolición dunha vivenda en Adina, construída sen licenza municipal, desde o ano 2006".
Os populares lembran que esta resolución foi recorrida en dúas ocasións, ata que o 23 de outubro do 2014 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou na súa contra acordando a demolición da vivenda nun prazo de 2 meses e o pago das costas.
Un ano despois, o concelleiro de Urbanismo non cumpriu a sentenza, insisten os concelleiros do PP.
O grupo municipal do PP de Sanxenxo reclaman ao alcalde o "cumprimento rigoroso da legalidade do que alardea", e esíxenlle que aplique "a mesma contundencia que no caso dos chalés de Dorrón".
O Partido Popular esixe ao alcalde que, "coa maior rapidez, informe publicamente de que vai facer e cando para que se cumpra a sentenza de demolición do TSXG que afecta o seu concelleiro de Urbanismo".