Comeza a derriba dos catro chalés de Dorrón
Por Redacción
Persoal da empresa Nexia comezou este martes os traballos de demolición dos catro chalés situados nas proximidades do cemiterio de Dorrón e que o Concello debe demoler en cumprimento dunha sentenza xudicial que así o determina.
Tras proceder aos traballos de roza e acondicionamento da parcela, a empresa executou a derriba do primeiro inmoble, comprobando que se trata dunha tarefa que non encerra especial complexidade. Por iso, un dos encargados da construtora garantiu ao alcalde e ao edil de Urbanismo, que visitaron os traballos ao mediodía, que a finais da próxima semana os traballos estarán concluídos.
A petición do concelleiro do goberno local, Nexia está a realizar un desmonte selectivo das estruturas construídas, co obxectivo de aproveitar a pedra coa que estaban revestidos os chalés en construción. A empresa adxudicataria da derriba brindouse a trasladar a un almacén municipal sen custo algún. As pedras serán almacenadas para ser utilizadas posteriormente.
Gonzalo Pita explicou que a celeridade coa que se adxudicaron os traballos é unha mostra da nova forma de facer política pactada polos catro grupos que conforman o goberno local e na que o cumprimento rigoroso da legalidade será unha premisa.
E é que cabe lembrar que a derriba destas vivendas foi requirido polo Xulgado do Contencioso Administrativo xa en maio de 2014, data na que resolve o primeiro recurso presentado polo Concello para tratar de evitar esta responsabilidade. Un ano despois, o pasado mes de agosto a xuíza advertía que a inacción prolongada podería derivar noutro tipo de consecuencias para o goberno local.
O xulgado apremaba entón a demolición e advertía que non admitía máis demoras, polo que o grupo de goberno puxo en marcha de forma inmediata o proceso de licitación para a contratación da derriba dos chalés situados fronte ao cemiterio.
O proxecto técnico de demolición, elaborado por unha arquitecta externa ao persoal municipal e entregado o pasado mes de outubro, fixaba en 55.000 euros o custo da derriba, licitándose finalmente por un custo inferior.
Relacionadas:
-
O goberno local de Sanxenxo suxire ao PP que "se deixe de revanchismos e mezquindades"
Por Redacción |
-
O PP de Sanxenxo esixe que se cumpra a sentenza de demolición que afecta o concelleiro de Urbanismo
Por Oskar Viéitez |
-
Catro chalés ilegais de Dorrón comezarán a demolerse o martes 27
Por Redacción |
-
Adxudican por 41.000 euros o derrubamento dos chalés de Dorrón
Por Redacción |