Nove praias de Sanxenxo lucirán a 'Q de Calidad' no verán de 2016 ao obter seis novos distintivos
Por Redacción
Seis areais de Sanxenxo superaron as auditorías realizadas este ano polo Instituto para a Calidade Turística Española para confirmar que Montalvo, Caneliñas, A Lapa, Areas Gordas, Major e Baltar súmanse ás tres praias que dispoñían deste distintivo, Silgar, Areas e Canelas.
A estas nove bandeiras que onderarán nas praias locais hai que engadir a do Porto Deportivo Juan Carlos I e a conseguida para a Oficina de Turismo que, unidas ás xestionadas por diferentes empresas privadas, converten a Sanxenxo no concello galego que obtén un maior número de certificacións e nun dos primeiros de España.
As seis praias que reciben por primeira vez este distintivo foron sometidas a exhaustivas auditorías destinadas a supervisar aspectos como os procesos e compromisos da dirección, a planificación e organización dos recursos, a xestión ambiental, o control e a mellora continua.
Durante as inspeccións analizáronse a seguridade no mar e o balizamento, a área de salvamento e primeiros auxilios, os servizos médicos e o traslados dos usuarios, así como a información sobre os servizos prestados nas praias.
Os auditores tamén se fixaron noutros detalles como os accesos, a zona de baño, aparcadoiros, aseos, duchas e lavapés.