Sanxenxo repite como destino para europeos maiores de 55 en tempada baixa
Por Redacción
Turespaña aceptou de novo a integración de Sanxenxo no programa "Europe Senior Tourism", que poderá beneficiarse das vantaxes da promoción do destino entre un segmento de poboación de interese para Sanxenxo. E é que este plan está destinado a frear a estacionalidade a través da organización de viaxes en grupo, parcialmente bonificados, dirixidos a cidadáns europeos de 55 anos ou maior idade, con posibilidade de acompañante, que viaxen a España en tempada media e baixa.
En Galicia, xunto a Sanxenxo foron aceptados os municipios da Coruña, Vigo e Baiona, tras cumprir os requisitos esixidos para formar parte deste programa
"Que Sanxenxo poida beneficiarse por segundo ano consecutivo deste programa é unha boa noticia, toda vez que se trata dunha iniciativa para desestacionalizar a temporada turística", apunta o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, xa que "isto nos abre a novos circuítos".
Os datos facilitados por Turespaña apuntan a que este programa atraeu, desde a súa creación en 2009, a máis de 120.000 turistas de 16 nacionalidades diferentes.
O proxecto elaborado pola empresa mixta Turismo de Sanxenxo incide nalgunhas das características que definen a este destino como son a súa oferta de aloxamento ampla e de calidade, de tratamentos de saúde e beleza, comercial, de propostas complementarias como golf, actividades náuticas e deportivas, ruta do viño, turismo patrimonial e mariñeiro, entre outras.
O dossier remitido a Turespaña inclúe ademais outros apartados que conforman os valores crave de Sanxenxo como a súa boa gastronomía, a tranquilidade e seguridade do destino, a amabilidade e profesionalidade do persoal do sector, e as boas conexións aéreas e terrestres, atopándose a menos dunha hora de distancia dos aeroportos de Vigo e de Santiago e a hora e media do de Porto.