Tratan de desbloquear o plan de sectorización do polígono industrial da Ran
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, acompañada pola tenente de alcalde, mantiveron este mércores unha reunión de traballo en Santiago de Compostela co xerente de Xestur Galicia, Jorge Carballeira, no que trataron o xeito de desenvolver, desde un punto de vista técnico, o plan de sectorización do polígono industrial da Ran.
Nun principio, o polígono dividirase en sectores para o seu desenvolvemento.
O Concello mostrou a necesidade de sacar adiante dito plan e dende Xestur ofreceuse o asesoramento técnico necesario para levalo a cabo.
O goberno municipal considera moi necesario o desenvolvemento deste polígono, dado que nestes momentos hai industrias que solicitan o seu asentamento nel. Polo tanto, aseguran que se trata dunha "prioridade máxima" dar solución a esta infraestrutura vital para o desenvolvemento económico de Cuntis e o seu tecido industrial.
Nos próximos días, o alcalde manterá outra reunión co equipo redactor do plan de sectorización e coa deputación provincial de Pontevedra, coa fin de sacar adiante este tema coa maior celeridade posible.