Catro pontevedreses, entre os detidos por difundir imaxes e vídeos sexuais con menores na Internet
Por Redacción
Miles de fotografías e vídeos sexuais protagonizados por menores de idade. É o material que incautou a Policía Nacional nunha macro operación contra a pornografía infantil que culminou coa detención de 81 persoas en toda España, catro delas, na provincia de Pontevedra. Todas elas están acusadas de intercambiar a través de internet imaxes dunha dureza extrema e que, segundo as autoridades, rozan o sadismo e o bestialismo.
Os detidos -todos homes, dous deles menores e dous máis persoas con discapacidade intelectual- compartían os arquivos a través de redes P2P.
As investigacións iniciáronse como consecuencia da "ciberpatrullaxe" desenvolvida pola Policía Nacional. Axentes especializados en investigación tecnolóxica vixían continuamente diversas canles de intercambio de arquivos como as redes peer to peer, medios utilizados para distribuír e descargar material pedófilo na rede.
Tras preto dun ano de pescudas, os investigadores lograron identificar a decenas de usuarios que, amparados na sensación de anonimato que lles ofrecen este tipo de canles, compartían fotografías e vídeos sexuais protagonizados por menores.
Algunhas das miles de imaxes incautadas polos axentes son dunha dureza extrema e encádranse no sadismo ou no bestialismo
O macro operativo final contou coa participación de preto de 300 axentes. Ademais dos catro detidos en Pontevedra e un quinto na Coruña, os implicados proceden de Madrid, Barcelona, Valencia, Alacante, Sevilla, Illas Baleares, Cádiz, Xirona, Albacete, Valladolid, Huelva, Xaén, Málaga, Navarra, As Palmas, Guipúscoa, Biscaia, Zamora, Tenerife, Cantabria, Tarragona, Lleida, Almería, Murcia, Asturias e Zaragoza.
No rexistro da vivenda dun dos menores, os axentes acharon unha plantación de marihuana, motivo polo cal tamén foi detido o pai do menor por un delito contra a Saúde Pública.
En total practicáronse un total de 80 rexistros domiciliarios nos que os investigadores analizaron os equipos informáticos utilizados presuntamente para cometer os delitos e incautaron 96 discos duros, 58 computadores, 68 pendrives, 4 tabletas, 195 CD e DVD, 18 teléfonos móbiles, 25 tarxetas de memoria, 1 consola, 1 MP4, 1 videocámara e 2 cámaras fotográficas, todo iso soporte de miles de imaxes de pornografía infantil.
A investigación foi levada a cabo por axentes da Brigada de Investigación Tecnolóxica e de Brigadas de Policía Xudicial de provincias e localidades de toda España. Os axentes seguen analizando e traballando no material intervido para determinar a posible existencia de delitos de produción de material pedófilo, abusos sexuais sobre menores ou a conexión con outros pederastas.