Tres pontevedreses detidos por distribuír material pornográfico con menores pola Internet
Por Redacción
Unha macro operación desenvolvida en catorce provincias españolas permitiu á Policía Nacional desarticular unha rede que se encargaba de distribuír material pornográfico, protagonizado por menores, a través de Internet.
Segundo informou a Dirección Xeral de Policía do Ministerio do Interior, foron detidas 21 persoas, entre elas tres na provincia de Pontevedra -polo menos un veciño da capital- e dúas na da Coruña.
Os detidos, segundo as autoridades, formaban parte dun grupo de usuarios "especialmente activos" na distribución na rede de abusos a menores de idade, para o que utilizaban equipos informáticos dos seus centros de traballo e as súas redes internas para non ser localizados.
En total, os axentes realizaron 24 rexistros domiciliarios. Neles, atopouse unha gran cantidade de arquivos pornográficos con menores. Incautáronse 96 discos duros, 10 computadores, 17 dispositivos USB e cartóns de memoria, 3 tabletas, 68 CD e DVD, onde se almacenaban varios gigas de fotografías e vídeos ilícitos, e cinco teléfonos móbiles.
O material está a ser analizado por axentes especializados, co obxectivo de determinar a posible existencia dun delito de produción de material pedófilo e abusos sexuais a menores por parte dalgún dos detidos ou a súa conexión con algunha outra rede de pederastas.
De feito, nun dos rexistros atopouse material pornográfico obtido mediante unha cámara que fora ocultada en vestiarios e duchas dun centro deportivo por un dos detidos, que aproveitaba o seu pase como socio para acceder ao lugar sen levantar sospeitas.
A operación, que se iniciou a mediados do pasado ano, foi dirixida pola Policía Nacional, a través da Brigada Central de Investigación Tecnolóxica. Contou coa colaboración das brigadas da policía xudicial de 16 cidades de toda España.