Pontevedra, unha cidade que segue camiñando na procura de premios
Por Redacción
Ata Torres Vedras, un municipio de 70.000 habitantes a 50 quilómetros de Lisboa, viaxou nos últimos días o alcalde de Pontevedra para recibir un novo recoñecemento ao modelo urbano da cidade. En concreto, Miguel Anxo Fernández Lores recolleu o premio de honra Cidade que Camiña 2015, entregado no acto de clausura do terceiro congreso desta rede da que o municipio pontevedrés é membro desde hai dous anos.
O xurado, que premiou este ano á cidade balear de Mahón, decidiu outorgar o galardón de honra a Pontevedra "pola súa excelente labor en prol dos peóns e os nenos, motivo polo que xa foi recoñecida tanto nacional como internacionalmente". Subliñan os membros do xurado a implantación da zona 30 no municipio, a peonalización do casco histórico e a creación de camiños escolares seguros.
Tras recoller o premio, Fernández Lores animou aos que teñen poder para tomar decisións políticas "a que non teñan medo", que sexan valentes para construír unha cidade para todos, á hora de deseñar modelos urbanos de preferencia peonil como Pontevedra.
Pero o papel da cidade neste congreso da Rede de Cidades que Camiñan non se limitou a este acto. O responsable de Protocolo no Concello, Antón Prieto, autor do Metrominuto, participou na mesa redonda sobre "Políticas municipais de promoción da mobilidade peonil" con Porto, Lisboa e Mahón. Nela, presentouse este plano peonil de Pontevedra e fíxose un repaso aos diferentes modelos que foron xurdindo despois del en outras cidades.
Pontevedra acudiu a Torres Vedras cun pequeno manual de 28 páxinas en tamaño A5, realizado en galego e posteriormente traducido ao portugués e español, titulado Fai o teu propio Metrominuto, e que será distribuído tanto en papel como en soporte dixital na web da Rede de Cidades que Camiñan.
Ademais, Miguel Anxo Fernández Lores, que participou nunha visita pola localidade anfitrioa deste congreso para coñecer as súas políticas de mobilidade sostible, foi reelixido como presidente desta rede de cidades que, desta volta, creceu coas incorporacións de Sevilla ou Valladolid.
Relacionadas:
-
De Lugo a Pontevedra para analizar o modelo urbano
Por Alejandro Espiño |
-
De Moscú a Hong Kong pasando por París: catro novas citas para expoñer o modelo de cidade
Por Natalia Puga |
-
Ciudades que caminan ve en Pontevedra o "referente que queremos exportar al resto de la red"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |