Acepta un ano e oito meses de cadea por traficar con droga hai dez anos
Por Redacción
Un home aceptou unha condena a un ano e oito meses de cárcere por un delito de tráfico de drogas que recoñeceu ter cometido no ano 2003 na bisbarra do Deza, entre os municipios de Lalín e A Estrada.
Por esta causa estaban acusados catro individuos. Un deles faleceu durante a instrución desta (que se prolongou case dez anos) e outro xa foi axuizado. Este martes sentouse no banco tan só un deles.
Segundo indicaron fontes xudiciais, o home recoñeceuse autor do feitos e aceptou o acordo de conformidade que lle ofreceu o fiscal tendo en conta, entre outras circunstancias, o atraso co que foi xulgado.
A detención dos catro acusados enmárcase nunha operación policial deseñada polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil de Pontevedra na Estrada e Lalín. Un dos acusados, o xa falecido, dedicábase ao tráfico ilícito de drogas utilizando como lugar de encontro para as transaccións a discoteca Public de Santa Cruz de Rivadulla.
As detencións practicáronse tras a realización de tres rexistros domiciliarios, dous en Lalín e un na Estrada, así como do rexistro do vehículo dun dos implicados.
Os axentes da Garda Civil incautaron mil doses de cocaína e unhas 700 de haxix, intervindo nesta operación unha balanza de precisión, vehículos e teléfonos móbiles e diversa documentación que comprometía os detidos, segundo detalla o escrito da acusación.