Piden un total de 16 anos de prisión para tres camelos detidos no ano 2003
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra xulgará mañá martes día 15 a tres homes de Lalín e A Estrada acusados de tráfico de drogas. O caso remóntase ao ano 2003.
Como consecuencia dunha operación policial deseñada pola EDOA (Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga) da Garda Civil de Pontevedra, que se materializou nos lugares da Estrada e Lalín, púidose averiguar que o imputado, o estradense, J.A.S.C. de 43 anos, dedicábase ao tráfico ilícito de substancias estupefacientes.
Utilizaba como lugar de encontro para as transaccións de droga a discoteca Public de Santa Cruz de Rivadulla.
Dos informes aportados pola Garda Civil o xulgado da Estrada autorizou a intervención das comunicacións telefónicas. O pinchazo revelou que o imputado aportaba drogas de forma habitual a C.H.P., de 38 anos e este á súa vez as vendía a consumidores da zona de Lalín.
Tras contraer unha débeda coa compra da droga, C.H.P. comezou a comprar a droga para a súa posterior reventa a J.R.C. alias Juanci, tamén imputado, veciño de Lalín de 35 anos de idade. E este á súa vez efectuaba operacións de compraventa con V.M.S. de 33 anos de idade.
As detencións practicáronse trala realización de tres rexistros domiciliarios, dous en Lalín e un na Estrada, así como do rexistro do vehículo dun dos implicados.
Os axentes da Garda Civil incautaron mil doses de cocaína e unhas setecentas de haxíx, intervindo nesta operación unha balanza de precisión, vehículos e teléfonos móbiles e diversa documentación que comprometía aos detidos, segundo detalla o escrito da acusación.
O principal imputado J.A.S.C. faleceu o día 13 de setembro de 2008 en Vilaboa.
O Ministerio Público considera que estes feitos constitúen un delito contra a saúde ou de tráfico de drogas de substancias que causan grave dano para a saúde.
Fiscalía pide para C.H.P. a pena de catro anos e seis meses de prisión e unha multa de 3.600 euros. Para J.R.C. solicita cinco anos e seis meses de prisión e unha multa de 3.135 euros. Ao imputado V.M.S. a pena de seis anos de prisión e 3.135 euros de multa.