Ence Pontevedra insiste en que supera "folgadamente" as esixencias ambientais
Por Redacción
"Ence Pontevedra mellorou folgadamente un ano máis a normativa medioambiental da Unión Europea, a máis esixente do mundo", así se desprende dos datos que miden o comportamento ambiental da fábrica de Ence.
Os datos están recollidos na Declaración Ambiental 2014 (DMA 2014) da empresa, auditada por Aenor, ou como salientan os responsables da pasteira nun comunicado "un terceiro independente verifica que toda a información recolleita neste documento reflicte de xeito fiel a realidade ambiental do Centro de Operacións".
Segundo esta DMA, o Centro de Operacións de Ence en Lourizán reduciu as súas emisións atmosféricas de partículas en 2014 máis dun 14% con respecto ao ano anterior. E con iso completa un decenio no que a redución de partículas alcanza o 33%.
"Achegamos datos contrastados por terceiros que demostran que levamos anos nun proceso de mellora moi importante", explica o director da fábrica, Antonio Casal. "Pero na nosa aposta pola sostibilidade queremos ir moito máis alá. Hai un tema no que traballamos especialmente: acabar cos cheiros. Ás veces aínda cheira. E non pode cheirar nunca".
"Ás veces aínda cheira. E non pode cheirar nunca"
De acordo aos datos incluídos na DMA 2014 de Ence Pontevedra, unha empresa especializada e acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac), concluíu que a redución de emisións olorosas entre 2012 e 2014 alcanzou o 61%. As conclusións de Labaqua foron examinadas e validadas por técnicos da Universidade de Santiago.
EFLUENTE LÍQUIDO
A mellora é igualmente importante nos indicadores relativos ao efluente líquido da fábrica. A Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO5) experimentou unha mellora do 25%. A Demanda Química de Osíxeno (DQO) mellorou nun 3%. Estes avances permitiron que aínda que as normas BREF da Unión Europea foron revisadas e desde 2014 son máis estritas, a fábrica continúe mellorando nun 80% as esixencias ambientais comunitarias.
"Dixemos que imos demostrar que desde Pontevedra pódese xerar un exemplo global de sostibilidade na industria, un espello ao que outros queiran mirarse, e farémolo", afirma Casal. Cun investimento superior aos 20 millóns de euros, Ence pretende reducir o seu consumo de auga, e o volume do seu efluente a Ría, noutro 90%.
Relacionadas:
-
Ence quere avanzar no plan "Olor Cero" na parada técnica, na que participan 2.011 traballadores
Por Redacción |
-
A oposición acusa a Feijóo no Parlamento galego de actuar "en conivencia" con Ence
Por Redacción |
-
Poñen en marcha unha campaña "o máis masiva posible" para contrarrestar as "medias verdades" de ENCE
Por Alejandro Espiño |