O PP de Poio afirma que a Deputación "perdeu o interese" pola Subida á Escusa"
Por Redacción
O concelleiro do PP de Poio Cándido Muíños denunciou "o moito que disminuíu o apoio ao deporte do novo goberno da Deputación de Pontevedra" e exemplificou esta "perda de interese" na competición automobilística da Subida á Escusa.
"A nova Deputación reduciu á mínima expresión a súa colaboración cos organizadores da proba, unha das máis importantes do deporte do motor galego.”, lamentou o edil popular. O combarrense explicou que "anteriormente, a institución provincial facía achegas económicas, ademais de axudar a sufragar os gastos de ambulancias, servizos sanitarios..., mentres que o actual goberno bipartito reduciu esta axuda ao mínimo".
O popular lamentou que esta decisión "augura un futuro moi negro" para as actividades deportivas de Poio e todo o deporte municipal, xa que "á primeira oportunidade que tiveron de axudar á celebración unha proba de tanta tradición e con tanto interese turístico e económico para o Concello, decidiron contribuí o menos posible", o que os populares interpretan como "unha declaración de intencións do novo goberno municipal, que pensa desatender o deporte en Poio e nos concellos".
"Se o novo goberno provincial pretende que só se poida practicar deporte ou organizar competicións en concellos grandes, como Vigo ou Pontevedra, vannos ter de fronte a nós", sinalou o concelleiro do PP. "As palabras están moi ben, pero gobernar se demostra nos feitos. O deporte en Poio precisa máis implicación e menos palabrería", concluíu.