150 persoas, pendentes da seguridade do público durante a Subida á Escusa
Por Redacción
Os responsables da organización da proba automobilística XVI Subida á Escusa que se celebra este sábado 19 en Poio dino moi claro: extremaranse as medidas de seguridade e vai pedirse ao público que cumpra cos espazos nos que debe seguir a proba á vez que se prohibirá o acceso a aquelas zonas perigosas. As sete mortes do rally de Carral levan a Noemí Blas, da Escuadra BuXa Motor, organizadora do evento, a solicitar a colaboración dos espectadores para que cumpran coas instrucións dos responsables da proba e evitar así que se rexistren incidentes.
Esta tarde presentábase no Casal de Ferreirós a edición deste ano coa presenza da concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, o responsable das medidas de seguridade, Fabián Esperón, a presidenta da Escuadra BuXa, Noemí Blas e o campión da anterior edición, Jacobo Sobral.
Marga Caldas apuntou que máis de corenta efectivos da Policía Local, Protección Civil e da Garda Civil estarán pendentes de que todo transcorra con normalidade en colaboración con máis de 110 persoas encargadas da organización da proba.
Este ano, o evento desenvolverase durante unha soa xornada, a diferenza das últimas edicións que se dividía entre o sábado e o domingo, debido a que a Volta Ciclista a Galicia realizará o mesmo percorrido do rally durante o día seguinte ao seu paso por Poio. Desta forma, a proba automobilística contará con sesións de mañá e de tarde coa participación de máis de corenta pilotos, que están a loitar polo campionato galego nesta última proba.
O percorrido, o mesmo dos últimos anos, de 4 quilómetros provocou malestar entre veciños da zona de Sartal, a quen a concelleira e a organización reclaman comprensión e calma xa que se trata dunha soa xornada na que tratarán de causar as menos molestias posibles. A Subida conta cun agarre medio, pero non é uniforme, resultando moi atractiva para os espectadores. A manga de adestramentos comezará ás 11.30 horas do sábado e continuará coas mangas oficiais.