Javier Olleros, Miguel Muñíz, Transportes Cameselle e as empresas do Grove, premios "Centola de Ouro"
Por Redacción
Rematado o prazo de presentación de propostas por parte dos membros do Consello Local de Turismo, o Goberno Local do Grove reuníuse o pasado luns e decidiu outorgar as "Centolas de Ouro" do ano 2015 ós seguintes persoeiros e institucións:
- Javier Olleros. "Recoñecendo o labor deste cociñeiro, merecedor dunha estrela Michelín, como embaixador dos produtos e da calidade turística do Grove".
- Miguel Muñiz. "Como creador da páxina Todogrove, referente da información local e testumuña fundamental da historia recente do Grove. Destacando ademais o seu fundamental papel na dinamización cultural da vila".
- Transportes Cameselle. "Pola labor pioneira no transporte de produtos do mar, dende a súa fundación no ano 1957, sendo eixo fundamental do sector pesqueiro e marisqueiro do Grove".
- Thenaise-Provoté e Isabel de Galicia, Empresas conserveiras situadas no Grove "por manter a súa aposta polo pobo, facendo unha especial mención ás súas traballadoras e traballadores, que permiten facer da conserva un produto galego vencellado ó Grove".
Os galardonados se amosaron agradecidos e emocionados polo nomeamento. A entrega das "Centolas de Ouro" terá lugar o vindeiro 9 de outubro ás 21.00 nun acto que se celebrará na Carpa Institucional do Corgo.
Este distintivo é un dos máximos recoñecementos institucionais que cada ano realiza o Concello do Grove. Trátase de premiar á aquelas persoas que teñen destacado pola súa traxectoria profesional ou persoal e que gardan relación directa coa localidade e a súa proxección.
VOLUNTARIOS FESTA DO MARISCO
O Concello ven ademais de seleccionar a 65 persoas que colaborarán no desenvolvemento da Festa do Marisco deste ano. En total presentáranse 147 solicitudes que foron sometidas a revisión para garantir o cumprimento dos requisitos establecidos: estar en situación de desemprego ou ser estudante. Unha vez revisada tal circunstancia as solicitudes foron catalogadas en función da formación e experiencia de cada solicitante, permitindo contar con referencia sobre o posto máis adecuado para cada un deles.
Para poder dirimir finalmente a asignación tivéronse en conta criterios relativos á existencia ou non de cargas familiares e factores como a existencia ou non de persoas con traballo dentro da unidade familiar.
Relacionadas:
-
O rock vale máis de 300 euros
Por Redacción |
-
O Grove entrega as súas 'Centolas de Ouro'
Por Redacción |
-
Yayo Daporta, pregoeiro da 52 edición da Festa do Marisco do Grove
Por Redacción |
-
Adxudicado o servizo de cafetería da Festa do Marisco
Por Redacción |
-
As carpas para a Festa do Marisco do Grove comezarán a instalarse o luns
Por Redacción |
-
Abren o prazo de inscrición para colaborar como voluntarios na Festa do Marisco do Grove
Por Redacción |