O Sergas mantén os prazos previstos para concluír a primeira fase de ampliación do Hospital do Salnés
Por Redacción
O primeiro trimestre de 2016 é o prazo que a administración autonómica fixara para concluír a primeira fase de ampliación do Hospital do Salnés, e que de acordo á evolución das obras en marcha, mantense. A tales efectos o xerente de Xestión Integrada do Complexo Hospitalario de Pontevedra e Salnés, José Manuel González; o xerente do Hospital do Salnés, Bibiano Fernández Arruti; responsables do servizo de obras do Sergas e da empresa Dragados, mantiveron unha reunión este martes.
Esta fase contempla un edificio adicional para o novo servizo de Urxencias, que supoñerá duplicar a capacidade de triaxe, observación e atención dos pacientes. Terá unha zona específica de urxencias pediátricas, un bloque obstétrico con dúas salas polivalentes, dúas unidades de tratamento, parto e recuperación, unha consulta e unha sala de reanimación de recen nados.
Nesta última xuntanza tamén participaron responsables médicos e de enfermería dos servizos de Urxencias e Obstetricia para analizar as necesidades de equipamento e tecnoloxía nestas áreas.
A ampliación do Hospital do Salnés dispón dun orzamento de 7.780.149 euros e está cofinanciada polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013. O proxecto íntegro supoñerá crear unha nova infraestrutura de 4.157 metros cadrados. Na segunda fase actuarase no novo bloque cirúrxico e na terceira, acometerase a unidade de coidados postquirúrgicos e un novo hospital de día.