Un domingo de feira entre barbeiros e innovacións para o cabelo e a pel
Por Redacción & Diego Torrado
A pesar do bo tempo que reinou en Pontevedra durante todo o domingo, centos de persoas optaron por deixarse ver polo Recinto Feiral e participar nas exhibicións e presentacións que formaban parte do programa da segunda xornada da feira Expobeauty. Un día no que os barbeiros e as innovacións para cabelo e pel foron os protagonistas, sorprendendo ao público e aos profesionais que esculcaban polas casetas.
Da man de Alberto Cerdán, coñecido como o estilista dos famosos, os pontevedreses puideron comprobar como a combinación de varias cores na melena, a medida e o estilo do corte, e a combinación da cor do cabelo con maquillaxe no rostro son as últimas tendencias en barbería. Así o sinalou no marco do congreso Galicia Look & Fashion, que se celebra de forma paralela á feira.
O tratamento da pel foi tamén un dos temas estrela da xornada, co relatorio e a master class de Consolo Silveira, directora dunha das escolas de estética máis prestixiosas de España. Silveira presentou aos profesionais as diferentes formas de realizar un correcto diagnóstico cutáneo e os diferentes métodos para levalo a cabo, podendo utilizar desde medios cotiáns, luz de wood con rexistro de imaxe e cámaras de última xeración.
As tendencias masculinas en barbería tamén tiveron especial protagonismo durante este domingo. Técnicos de Barberías con Encanto impartiron unha master class para profesionais e realizaron un 'barber show' para todo o público, unha exhibición de talento sobre as técnicas e tendencias revolucionarias no mundo da barbería actual que deu paso ao I Campionato de Barbeiros.
A xornada completouse con numerosos hair-shows e desfiles coas últimas tendencias en barbería.
Despois dunha intensa fin de semana, Expobeauty pechará as súas portas mañá cunha xornada dedicada á formación. Celebrarase a Gala de Novas Promesas na que participarán estudantes de diferentes escolas galegas e terán lugar dous seminarios, un de maquillaxe social con aerógrafo e outro de fantasía con maquillaxe á auga.
Ademais, os profesionais poderán efectuar as súas compras durante todo o día nos máis de 50 expositores instalados, con descontos de entre o 21 e o 50%.