O exalcalde Perfecto Rodríguez pregunta: "onde están agora os das pancartas contra o crematorio?"
Por Oskar Viéitez
O exalcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez (PP) remitiu un comunicado aos medios a raiz da inauguración e posta en marcha dun crematorio no polígono industrial da Reigosa, no que se pregunta "onde están agora os das pancartas contra o crematorio?".
Segundo o anterior rexedor popular, que tampouco asistiu á inauguración deste crematorio do empresario Juan Perdiz, a "realidade é que o crematorio é unha instalación que pode instalarse nun polígono industrial, e non pode denegarse unha licenza que cumpre a lei, do mesmo xeito que o novo goberno local dálle agora licencia de apertura".
Neste sentido Perfecto Rodríguez interpela ao actual goberno local de Ponte Caldelas "por que non lla denegan agora? Sinxelamente porque cumpre a lei e un concello non pode nin denegar nin revogar unha licenza que cumpre a lei. Nin agora nin antes".
O agora portavoz do grupo municipal do Partido Popular en Ponte Caldelas espera que co tempo se demostre que a instalación non causa nin molestias nin moito menos prexuízos contra a saúde, "como falsamente manifestaron o hoxe alcalde e os seus socios de AVP, asustando aos veciños cun obxectivo unicamente político e electoral" e cita os informes de Sanidade e de Medio Ambiente.
O anterior goberno local do PP "limitouse a dar licenza a un proxecto que cumpría a lei, do mesmo xeito que se fixo con outras instalacións que hai nese parque empresarial", lembra Perfecto Rodríguez, reiterando que "non houbo ningún engano".
"Se se quixese enganar púidose atrasar a licenza ata despois das eleccións municipais, pero non se atrasou", insistiu.
Finalmente o exalcalde expresa o seu convencemento de que "ao final o tempo daranos a razón", e tanto o actual alcalde socialista, Andrés Díaz, como os seus socios de goberno da AVP "terán que agradecer a construción deste crematorio, porque grazas á súa instalación e á polémica que hábilmente xeraron enganando aos veciños, hoxe están no goberno local de Ponte Caldelas".
Relacionadas:
-
O PP de Ponte Caldelas pide a dimisión do alcalde ante a sentenza que desestima o recurso contra o crematorio
Por Oskar Viéitez |
-
Perfecto Rodríguez insiste en que o crematorio conta con licencia legal e que o alcalde engana os veciños
Por Redacción |
-
A Reigosa xa conta con crematorio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Perfecto Rodríguez acusa ao alcalde de "mentir e enganar aos veciños" co crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
O concello de Ponte Caldelas levará a cabo inspeccións exhaustivas no crematorio da Reigosa
Por Redacción |