A Festa da Ameixa máis 'tardía' prevé servir en Campelo uns 500 quilos de ameixa da ría
Por Alejandro Espiño
Un ano máis, e xa van vinte e oito, Campelo volverá celebrar a súa festa gastronómica máis popular. A Praza da Granxa acollerá esta fin de semana, 19 e 20 de setembro, unha nova edición da Festa da Ameixa. O Concello de Poio prevé servir máis de 500 quilos deste suculento manxar, unha das xoias da ría de Pontevedra e que sustenta gran parte da actividade marisqueira do municipio.
De feito, como novidade, tras un acordo coas tres confrarías do fondo da ría e coa Lonxa de Campelo, por vez primeira comprouse a ameixa directamente aos seus produtores e sen intermediarios de ningún tipo. Segundo explicou o concelleiro de Turismo, Xosé Luís Martínez Branco, isto provocou que "se venda un pouco máis caro do normal", uns catro ou cinco euros máis o quilo, pero os beneficios serán integramente para o sector.
Os prezos da degustación gastronómica mantéñense con respecto a anos anteriores e tamén as tapas que se serven para "darlle a posibilidade á xente de que probe diferentes variedades". Así, a ración de ameixas á mariñeira custará oito euros e as de ameixas con fabas ou con fideos, seis euros. Ademais, servirase viño galego -ribeiro, albariño e caíño tinto-.
Xosé Luís Martínez sinalou que, para futuras edicións, o goberno municipal analizará co propio sector marisqueiro do municipio a posibilidade de incluír na festa outros produtos da ría como berberechos ou mexillóns.
Tamén se vai a estudar un posible cambio de datas. O edil de Turismo lamentou que, ano tras ano, a toxina que adoita aparecer durante o verán provoque atrasos ou incertezas sobre a celebración da festa. Así, ao entender que se trata dunha "toxina de calendario", abrirase a posibilidade de que a Festa da Ameixa pase a organizarse "a finais de xullo ou principios de agosto".
PROGRAMACIÓN DA FESTA DA AMEIXA
A inauguración da festa terá lugar o sábado ás doce e media da mañá na Praza da Granxa de Campelo. A esa hora abrirase a carpa de degustación e nela, ademais de comezar a probar o produto que se servirá durante os dous días, poderase visitar a exposición fotográfica "Do mar á terra", realizada pola poiense Laura Domínguez Couselo que retratou en 2008 o traballo das mariscadoras a pé e á flote da ría de Pontevedra.
Ás 13.00 horas actuará o grupo folclórico Vides Novas e ás 20.30 horas, celebrarase a tradicional homenaxe ás mariscadoras que se xubilaron este ano. Neste caso serán seis: Peregrina Cao Carballa, Isabel Cao Villanueva, Pilar da Silva Moldes, María Rosa Carballa Pazos, Carmen Castro Rodríguez e Carmen Villanueva Torres. O acto estará amenizado coa actuación da Coral Virxe de Fátima e a Escola de Música Tradicional de Poio.
O primeiro día da Festa da Ameixa terminará coa verbena amenizada pola orquestra Gran Vía, a partir das once da noite.
O domingo as actividades comezarán ás 11.30 horas cun pasarrúas e un concerto a cargo da Banda de Música de Arcade que dará paso a apertura da carpa gastronómica ás 12.30 horas. O certame de bandas de gaitas será ás seis e media da tarde e o fin de festa, ás dez da noite coa verbena da orquestra Pasarela.