Á mariñeira, con fideos ou con fabas: a 'ameixa' volve triunfar en Campelo
Por Redacción & Cristina Saiz
Un ano máis, a Festa da Ameixa de Campelo volveu demostrar o gran tirón que ten entre os veciños de Poio e pontevedreses chegados de toda a comarca. A pesar do cambio de data a setembro, motivado pola presenza da toxina na ría, centos de persoas achegáronse ata a Praza da Granxa para degustar este suculento manxar, do que se prepararon preto de 500 quilos.
De novo, a estrela da festa foi a ameixa á mariñeira, da que se serviron máis da metade das racións que se puxeron á venda. Pero tamén houbo quen se decantou polas outras dúas preparacións que estaban no menú: as ameixas con fideos e con fabas. Todas elas con prezos populares de entre seis e oito euros.
O cambio de data e a boa climatoloxía non afectaron á festa, que incluso na tarde do domingo chegou a practicamente esgotar o produto, tendo que aumentar dende o Concello a cantidade de ameixas subministradas, compradas por vez primeira directamente ás mariscadoras na lonxa, para poder dar servizo na última tarde do evento gastronómico.
No marco desta décimo oitava edición da festa, tamén houbo numerosas actividades paralelas. A máis sentida, sen dúbida, a tradicional homenaxe ás mariscadoras que se xubilaron este ano: Peregrina Cao Carballa, Isabel Cao Villanueva, Pilar da Silva Moldes, María Rosa Carballa Pazos, Carmen Castro Rodríguez e Carmen Villanueva Torres. O acto estivo amenizado pola Coral Virxe de Fátima e a Escola de Música Tradicional de Poio.
Unha exposición fotográfica sobre o traballo do marisqueo, realizada por Laura Domínguez Couselo, actuacións do grupo folclórico Vides Novas e a Banda de Música de Arcade, o certame de gaitas ou as verbenas coas orquestras Gran Vía e Pasarela completaron a programación dunha festa que pensa xa no próximo ano, para o que se baralla a posibilidade de trasladala ao mes de agosto.