Industria concede case 120.000 euros para construír unha nave de xestión de residuos no polígono de Racelo
Por Redacción
O Concello da Lama conseguiu unha subvención de 120.000 euros, outorgada pola Consellería de Industria, para a construción dunha nave no polígono industrial de Racelo que irá destinada á xestión de residuos. Esta construción ten un orzamento basee de execución que rolda os 150.000 euros, aproximadamente.
O prazo estimado de construción desta nave será duns cinco meses e permitirá dispoñer ao Concello da Lama dunhas instalacións adecuadas para proceder a almacenar colectores, así como maquinaria e demais elementos que favorezan un mellor servizo ao cidadán en materia de recollida de residuos sólidos urbanos.
O alcalde, Jorge Canda, mostrouse moi satisfeito por esta axuda.
Recentemente o alcalde da Lama xunto aos rexedores de Fornelos de Montes, Emiliano Lage; Cotobade, Jorge Cubela, e Ponte Caldelas, Andrés Díaz, mantiveron unha reunión para analizar os custos do punto limpo que utilizan os catro municipios e que precisa dun novo convenio regulador que determine o uso e a participación económica de cada un dos concellos.
O Punto Limpo foi construído pola Xunta hai unha década e leva oito anos funcionando de modo compartido para os catro concellos. Na superficie descárgase e compacta o lixo dos catro municipios para que o custo do seu traslado a Sogama sexa inferior. Ademais, procésanse e tratan os residuos sólidos e os voluminosos.