A Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes contarán cun obradoiro de emprego
Por Redacción
A Consellería de Traballo e Benestar acaba de conceder un obradoiro de emprego para a comarca de Pontevedra, neste caso, conxunto para os concellos de A Lama, Pontecaldelas e Fornelos. Contará cun orzamento de 177.668 euros e 20 beneficiarios para as especialidades de traballos forestais (actividades auxiliares en conservación e mellora de montes), atención sociosanitaria en domicilio e institucións, e xardinería (instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes).
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís trasladou a nova ao alcalde de A Lama, Jorge Canda, o de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez e de Fornelos de Montes, Emiliano Lage.
Estes programas contan con numerosas vantaxes xa que facilitan a posibilidade de acceder a un posto de traballo e ofrecen unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional.
Os alumnos levarán a cabo obras como o acondicionamento das rutas de sendeirismo de Foxo do Lobo e Tralos pasos do río Xesta, o mantemento do entorno da Carballeira dos Prados e a repoboación do polígono de Racelo, así como o mantemento de parques do núcleo urbano de Ponte Caldelas.