Amil recibe a miles de devotos no día grande da Romaría dos Milagres
Por Diego Torrado
Como cada ano miles de persoas desprazáronse ata o santuario de Amil coincidindo co día grande da Romaría dos Milagres.
O goteo de camiñantes foi constante durante os últimos días, pero en especial este domingo dende a madrugada, chegados desde diferentes puntos da comarca.
Dende as 6:00 horas, e cada media hora, celebráronse actos litúrgicos, sendo o máis concorrido a tradicional procesión das 13:00 da tarde.
A alta afluencia de visitantes provocou tamén problemas de circulación na zona, sen consecuencias graves grazas ao amplo dispositivo de seguridade despregado, no que voluntarios de Protección Civil tiveron que atender ademais pequenas incidencias ocasionadas polas longas andainas, como mareos e leves lipotimias.
As celebracións en Amil pecharanse a próxima fin de semana coa festa na honra da nosa Señora de Guadalupe.