As protestas polo prezo do leite chegan a Caldas e Vilagarcía
Por Redacción
As protestas dos gandeiros galegos polo baixo prezo do leite fixéronse visibles nas últimas horas na comarca, concretamente en Caldas de Reis e Vilagarcía.
Tras días de duras protestas en Lugo e Santiago de Compostela con multitudinarias tractoradas, os gandeiros cambiaron de estratexia intentando bloquear as plantas industriais do sector en Galicia.
Por ese motivo os tractores, principalmente chegados dende o Deza, acampan ás portas das fábricas de Clesa en Caldas de Reis e de Larsa en Vilagarcía.
Chegaron á planta de Larsa xa na madrugada do sábado, para durante o día estender a protesta a Clesa.
Pese a que estas medidas de bloqueo provocaron certa división entre as asociacións que apoian as protestas, os implicados contan con manterse nos seus postos, a pé de fábrica, polo menos ata a próxima reunión prevista en Madrid para o martes.
O bloqueo afecta á entrada e saída de camións, pero non aos traballadores, aos que se lle permite o paso con normalidade, posto que a idea é evitar a entrada ou saída de leite nas factorías.