Aparece o propietario dun sobre con 170 euros que apareceu tirado na praza de Galicia
Por Redacción
A difusión realizada polos medios de comunicación fixo efecto. A mediodía deste mércores a Comisaría da Policía Nacional lanzaba unha mensaxe anunciando que aparecera un sobre con diñeiro no ámbito da praza de Galicia e buscando o seu propietario. Na mañá deste xoves, menos de 24 horas despois, e tras lelo nun xornal, o dono apareceu.
A Policía Nacional deu a coñecer que o lexítimo propietario do sobre acudiu á Comisaría a primeira hora da mañá e achegou os datos necesarios para acreditar que era seu. Así, achegou detalles dunha serie de letras escritas no exterior deste e tamén a cantidade de diñeiro que había dentro: 170 euros.
O propietario do sobre resultou ser un home de 63 anos que relatou que o luns estaba a facer unhas xestións para as que levaba enriba unha importante cantidade de diñeiro e, nun momento dado, tras saír dunha inmobiliaria da praza de Galicia, o perdeu. A Policía Nacional puido descubrir que o sobre lle caeu xusto cando saíu do negocio, pois alí foi o lugar no que o localizou unha cidadá anónima.
A muller en cuestión viuno tirado, recolleuno e entregouno na Comisaría da rúa Joaquín Costa. Alí estivo ata que esta mañá se entregou ao seu propietario. O home non quere falar en público, pero si trasladou á Policía Nacional o seu agradecemento á veciña que localizou o seu diñeiro e o entregou e tamén aos medios de comunicación, pois xa dera por perdido o seu diñeiro ata que leu a noticia de que aparecera un sobre.
O propietario poñerase en contacto nas próximas horas coa cidadá honrada que localizou o diñeiro, para agradecerlle o xesto. Cabe indicar que antes de que o dono real aparecese na Comisaría xa compareceran nas dependencias policiais varios cidadáns, pero non puideron acreditar que fose seu.