O río Verdugo dende unha piragua
Por Redacción
Coñecer o río Verdugo pode ser unha experiencia diferente a través dunha piragua. Poderán vivila case 150 persoas que participarán nas xornadas de paseo gratuíto organizadas este xoves polo Concello de Ponte Caldelas e o Club de Piragüismo Vilaboa.
A gran demanda de prazas para inscribirse nesta iniciativa fixo que se acadara unha cifra récord, o que motiva que os organizadores distribúan aos participantes en catro quendas para facilitar un maior disfrute desta experiencia lúdico-deportiva.
A actividade está coordinada por monitores do Club de Piragüismo Vilaboa e pretende servir de alternativa de ocio para aquelas persoas que queiran gozar dunha tarde de convivencia co ámbito do río Verdugo ao tempo que se introduce na práctica deste deporte.
O circuíto do río elixido para realizar esta actividade ten como embarcadoiro a prazoleta de pedra anexa ao Mercado de Abastos, xunto á pasarela de madeira e a zona do río para practicar este deporte circunscríbese ás inmediacións da ponte de Ponte Caldelas e ata a zona de baño da Calzada.
Con esta actividade, o Concello pretende contribuír a dinamizar o verán no municipio con ofertas lúdicas de desfrute individual ou en familia e que non supoñan custo ningún para o cidadán. Ademais, afóndase no compromiso pola sostibilidade e unha calidade de vida dos pontecaldeláns en convivencia e respecto co río Verdugo e o seu ámbito natural.