Cotobade presenta ante Medio Ambiente o proxecto de saneamento integral de Tenorio e Calvelo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534db5da26635-xaneiro2012226.jpg)
© Xunta de Galicia
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, presentou ante o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díez, o proxecto para o saneamento integral dos núcleos de Tenorio e Calvelo.
"Non podemos esquecer que Cotobade é o último concello polo que pasa este río antes de chegar a Pontevedra e, por tanto, a súa desembocadura", asegurou Cubela, quen recordou que o concello consignou nos seus orzamentos para este ano 24.000 euros destinado a redacción do proxecto presentado, que se enmarca dentro do plan de actuación do saneamento do río Lérez nos municipios de Cerdedo, Cotobade, A Lama e Forcarei.
"O núcleo de Tenorio conta cun abundante número de vivendas e esta obra permitiría mellorar a calidade da auga vertida ao río ademais de tomarse en conta o proxecto para a catalogación do chan no futuro PXOM", engadiu o alcalde da localidade.
Jorge Cubela rematou agradecendo a José Luis Díez a colaboración da Xunta de Galicia en relación ao seu municipio, recordando que nos últimos meses estanse a desenvolver importantes acordos coa administración autonómica para a mellora de servizos básicos deste concello.
Agora serán os técnicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas os que analicen a viabilidade da obra que ten coma obxectivo mellorar a calidade da auga do río Lérez.