A homenaxe a Bóveda deste 17 de agosto será a primeira coa rehabilitación moral do Goberno a súa figura
Por Redacción
Este 17 de agosto será a primeira ocasión na que a figura do político galeguista Alexandre Bóveda gozará da rehabilitación moral recoñecida polo Goberno de España no acto de homenaxe que se celebrará na Caeira (Poio) fronte ao monumento erixido no lugar onde foi fusilado en 1936. Así o expuxo Valentín García Bóveda, neto de Alexandre, este mediodía durante unha rolda de prensa da Fundación na que se presentaron os actos previstos para esa xornada.
A Fundación espera que se realice un acto institucional para que que esta reparación moral sexa pública. En todo caso, Valentín García Bóveda indicou que "está moi ben que chegue, pero o documento en si non ten valor ningún porque sabemos que moralmente sempre ficou reparado, en todo caso os descendentes das vítimas teriamos que remitir documentos ao Estado reparándoos a eles moralmente por ternos abandonado durante tantos anos".
O neto de Bóveda indicou que intentarán que as familias reclamen eses documentos e que se fagan públicos eses recoñecementos. Neste sentido, dende a Fundación manteñen a demanda da institucionalización do Día de Galicia Mártir e que se anulen os procesos sumarísimos polos que foron asasinadas as vítimas da guerra civil e da ditadura.
Ernesto Vázquez-Rey Farto, membro da Fundación Bóveda, sinalou que os actos do 17 de agosto se celebrarán ás 13.00 horas na Caeira con diferentes participacións de integrantes de grupos de memoria histórica e representantes políticos coa intervención dos alcaldes de Poio e de Pontevedra. Vázquez-Rey apuntou que tamén esperan a presenza de políticos da Deputación Provincial, institución á que se cursou un convite.
Ás 18.30 desenvolverase unha misa na capela de San Mauro que dará paso a un acto cívico ás 19.00 horas con Suso de Toro e David Otero, presidente da Fundación. Despois desenvolverase o acto político do BNG en Curros Enríquez en memoria das vítimas do levantamento militar do 36.
Valentín Bóveda indicou que espera que se sumen aos actos representantes das distintas forzas políticas e lamentou as contraadicións de concelleiros do PP de Pontevedra que asisten á homenaxe a título persoal pero que se absteñen na votación do pleno sobre o recoñecemento da figura do galeguista. O neto de Bóveda destacou a participación do grupo municipal do Partido Popular de Poio durante os actos de 2014.