O alcalde de Cotobade, primeiro rexedor do PP en reivindicar a institucionalización do Día de Galicia Mártir
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asinou este mércores a súa adhesión á causa que pretende a institucionalización do Día de Galicia Mártir, converténdose no primeiro rexedor do Partido Popular en reivindicala.
O acto de firma desenvolveuse na sede da Fundación Alexandre Bóveda en Pontevedra e estivo acompañado do anuncio do alcalde popular de que o próximo Pleno municipal aprobará unha moción neste mesmo sentido, que previsiblemente sairá adiante tendo en conta que o PP dispón de maioría absoluta neste concello.
Cubela, que con 26 anos afronta o seu segundo mandato como alcalde de Cotobade, dixo ter tomado esta decisión "de acordo a principios éticos e morais" e asegurou sentirse "bovedista" polo que apuntou que esta adhesión é un acto de "coherencia".
O alcalde de Cotobade sinalou que Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto do 1936 na Caeira, "foi unha persoa vil e cruelmente asasinada nada máis que por defender as súas ideas, por defender a Galicia e que tivésemos un futuro mellor" engadindo a continuación que "hoxe deberiamos estar aquí todos".
"Non é valentía, eu non quero ser abandeirado de nada", Jorge Cubela
"Non é valentía, eu non quero ser abandeirado de nada", afirmou Jorge Cubela que confesou: "sinto pena de que tivesen que esperar 37 anos de democracia para que se empece a falar de rehabilitación moral" pero destacou que "para o pobo galego a figura de Bóveda xa está recoñecida".
"Dentro da humildade dun alcalde dun pequeno concello rural da provincia de Pontevedra podo solicitar ao resto de forzas políticas de Galicia que se sumen a esta causa", declarou o alcalde popular.
Jorge Cubela explicou que por esta decisión non recibiu "ningunha chamada á orde" animando ao resto de concellos a que sigan o seu exemplo "sen suspicacias" e "fuxindo de estereotipos" e quixo destacar o "orgullo" que afirma sentir porque o Goberno do pontevedrés Mariano Rajoy fose quen aprobou a rehabilitación moral de Alexandre Bóveda.
Ademais Jorge Cubela adiantou que está a traballar xunto a varios historiadores en Cotobade na historia de tres veciños do seu municipio que foron represaliados durante a Guerra Civil, para brindarlles unha homenaxe oficial coincidindo co 80 aniversario dos seus asasinatos.
O vicepresidente da Fundación e neto do galeguista represaliado, Valentín García Bóveda, agradeceu o compromiso de Jorge Cubela e sinalou que "as sociedades avanzan cando se centran nos obxectivos comúns e non cando se centran nas diverxencias".
Relacionadas:
-
A Fundación Bóveda solicita ao Parlamento a creación dunha comisión de estudo sobre a Memoria Democrática de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Jacobo Moreira pide a institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Poio acolle a homenaxe a Alexandre Bóveda máis concorrida e plural
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A homenaxe a Bóveda deste 17 de agosto será a primeira coa rehabilitación moral do Goberno a súa figura
Por Redacción |
-
O neto de Bóveda aplaude a "valentía" de Ángel Moldes no apoio do PP de Poio ao fusilado
Por Natalia Puga |