Satisfacción na dirección e traballadores de ENCE pola resolución de Costas
Por Redacción
O Grupo Ence emitiu un comunicado no que quere expresar a súa "satisfacción" pola resolución do expediente de caducidade da concesión da fábrica de Lourizán, que confirma que non se ve afectado o funcionamento das súas instalacións produtivas de Pontevedra, que quedan plenamente amparadas pola vixencia da concesión.
Na súa nota informativa Ence salienta que a mencionada resolución é un "motivo de tranquilidade para os preto de 350 empregados de Ence en Pontevedra, así como para as outras 500 persoas máis cuxos empregos na bisbarra dependen da fábrica".
"E tamén o é para os máis de 4.000 traballadores e traballadoras doutras partes de Galicia cuxa actividade profesional tamén está relacionada coa actividade de Ence", engaden.
Ence reitera o seu "firme compromiso" co coidado do ámbito natural de Pontevedra, "e moi especialmente da súa Ría", así como coa "calidade de vida" dos seus veciños.
Finalmente lembran que, nos últimos anos, "a actual Ence conseguiu converter a antiga fábrica no seu día vencellada ao Instituto Nacional de Industria na mellor do seu sector en Europa polos seus parámetros ambientais".
A empresa quere levar a cabo un "ambicioso plan de investimentos e proxectos de mellora adicionais" co obxectivo de consolidar e garantir en todo momento a "excelencia ambiental das súas instalacións".
"A dirección e os traballadores de Ence aproveitarán a boa noticia relativa aos terreos da concesión para facer con máis ilusión, se cabe, o que sabe facer: mellorar a cota de mercado da celulosa producida coa madeira galega en Europa e avanzar para converter as nosas fábricas en exemplos globais polo seu desempeño ambiental", remata o comunicado.