Sanxenxo alcanza en xullo unha ocupación hoteleira do 72%
Por Oskar Viéitez
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) informou que a ocupación hoteleira durante o pasado mes de xullo alcanzou neste municipio o 72,82%, o que supón sete puntos máis que o dato rexistrado mesmo mes do pasado ano 2014.
Para os empresarios a "recuperación económica" e o "bo tempo" reinante durante o mes de xullo foron os factores clave nesta melloría.
No seu informe o CETS sinalan que os hoteis do catro estrelas situados en primeira liña de praia tiveron unha ocupación do 88,81%, mentres que os establecementos de dous e tres estrelas ocuparon o 68 por cento da súa oferta de camas, e o 62% no caso dos hoteis dunha estrela e pensións (12 puntos por enriba de 2014).
En canto aos apartamentos o CETS sitúa a porcentaxe de ocupación no 83%, dez puntos superior ao ano pasado. E os cámpings lograron un 66%, seis puntos máis que en 2014.
CRECE O CONSUMO
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo valora especialmente o "crecemento considerable" dos datos do consumo xa que mostran unha suba do 10,93% con respecto ao ano 2014 que xa fora un ano de mellora.
A enquisa de consumo realizouse sobre os datos de 21 establecementos de restauración, ocio e oferta complementaria.