Antonio Pagudo, de Montepinar a San Vicente do Mar
Por Alejandro Espiño
Ser un dos actores máis populares da pequena pantalla adoita provocar que sexa moi difícil pasar desapercibido durante as túas vacacións. Pero Antonio Pagudo, un dos protagonistas da serie La que se avecina, conseguiuno.
Días antes de comezar a rodaxe da novena tempada da exitosa serie de Telecinco, o actor granadino deixouse ver polas Rías Baixas, máis concretamente polas localidades de Sanxenxo e O Grove.
Unha foto que publicou nas súas redes sociais é a única proba gráfica desta visita. Nela, Antonio Pagudo bromea con estar "a facerme o guaperas entre as rochas" durante un paseo por San Vicente do Mar, no cal gozou da calor estival que nos acompañaba a pasada semana e que moitos, ao igual que o actor, deron en cualificar como 'galifornia' en comparación co paraíso praieiro de Estados Unidos.
Ademais, noutra instantánea publicada o pasado xoves mostra a praia da Barrosa dende a terraza do Náutico de San Vicente, onde gozou do ambiente que, nesta época estival, se vive nun dos locais de ocio de referencia en todas as Rías Baixas.
Antonio Pagudo, que visitou en numerosas ocasións Pontevedra como membro da compañía teatral Yllana, a última delas no recente Salón do Libro Infantil e Xuvenil, comezou a facerse un nome en televisión grazas á súa participación en series como Arrayán (Canal Sur) ou Cuéntame cómo pasó (TVE), pero a súa fama actual chegoulle grazas ao seu papel de Javier Maroto en La que se avecina.
A serie, que este luns comezou a gravar a súa novena tempada, é todo un fenómeno de masas en España, especialmente entre o público máis novo.
Pagudo, cuxo personaxe é alcumado 'o pelocho' polo seu particular peiteado, é un dos seus protagonistas dende que se estreou en televisión alá polo ano 2007. Ademais, participou en varias películas como Gal ou Desechos e en numerosas curtametraxes.