Sanxenxo anuncia que esta semana haberá socorrista na praia de Bascuas
Por Redacción
As críticas realizadas polos usuarios da praia de Bascuas nas últimas semanas pola ausencia dun socorrista no areal tiveron resposta. O Concello de Sanxenxo anuncia que a incorporación de dous novos socorristas ao equipo permitirá que o posto poida abrirse ao longo desta semana.
Segundo explican, as condicións desta praia convírtena nunha prioridade para o Goberno local, que quere garantir a seguridade dos usuarios coa presenza de socorristas. A virulencia das correntes neste areal e en Paxariñas e Caneliñas, sumado ao seu desnivel e á masiva afluencia de bañistas, é o que levou ao Goberno local a darlle preferencia á apertura destes postos, a pesar de tratarse de praias sen bandeira azul.
O Concello ten dado a coñecer este sábado, a través dun comunicado, que mantén abertos un total de doce postos de socorristas nas praias de Areas, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Pragueira, Major, Foxos, Areas Gordas e Lapa e Espiñeiro. Os doce areais teñen os seus postos de vixilancia abertos de forma permanente e así seguirán durante todo o verán.
Fontes municipais indicaron que a pesar de non poder cumprir o prazo dado pola ADEAC, que finalizou o 10 de xullo, para a incorporación dos 52 socorristas que estaba previsto contratar, os procesos de selección continuaranse e irán sumando ao equipo de Salvamento en Praias a medida que se encontren profesionais dispoñibles.
Ademais, recordan que o actual Goberno local tomou posesión o pasado 13 de xuño, momento no que o Executivo anterior xa realizara dous procesos de selección, ao quedar vacantes na primeira convocatoria máis dunha vintena de prazas. De feito, critican que a dotación do persoal para praias é unha cuestión na que o anterior Executivo "demostrou certa falta de previsión", xa que debería estar polo menos seleccionado no mes de maio, tendo en conta a importancia deste aspecto.
O Goberno local xustifica que adoptou a decisión máis responsable de todas as posibles, que foi abrir os postos de socorristas nas praias que a priori son máis perigosas e que requiren unha especial atención en salvamento e comunicar á ADEAC que non izará este verán as bandeiras azuis nas tres praias nas que non puido garantir a presenza de socorristas antes do 10 de xullo.